Chegaron cansas a casa, eran preto das dúas da mañá. O gato agardaba enfurruñado e morto de fame diante da porta. Hadriana deixouno entrar e púxolle comida e auga na cociña mentres Úrsula metía o coche dentro do pallote.

—Sinto o que pasou hoxe — dixo nada máis entrar pola porta da cociña, mentres pousaba as chaves nun pratiño encima do moble.

Hadriana deixou a culleriña que estaba a coller do caixón e mirouna.

—Por que? As túas amigas son simpáticas. Alegreime de coñecelas.

—Unha panda de malas pecoras cotillas é o que son. Encirráronte a preguntas. E a min igual. A elas que carallo lles importa nada?

Úrsula deixouse caer nunha cadeira, prendeu o cigarro e buscou un cinceiro coa mirada. Hadriana limitouse a mirala e suspirar. Colleu un iogur da neveira. Logo apartou unha cadeira de onda a mesa e sentou fronte a ela.

—Xa, a ver…Iso non estivo moi ben da súa parte. Pero doume a impresión de que es bastante hermética cos demais.

—Non me gusta que se metan na miña vida, sobre todo xente coa que teño pouco que ver. Levaba seis meses sen ver as rapazas e faltoulles facerme a proba de alcoholemia.

—Por que levabas tanto sen velas?

—Non me levo moi ben con Carolina, que é a que as xunta a todas e a que manda na pandilla. Fun porque Tania me insistiu moito en que era o seu aniversario e facía mil que non nos viamos. Ti fixácheste en como te miraba Carolina?

—Non lle vin nada de particular. Parece que tiña pouco interese ou estaba molesta por algo. Tal vez so sexa tímida.

Úrsula soltou unha risada amarga.

—Esa non é tímida, muller. Esa éche boa peza.

—Estou cansa, pero non creo que poida durmir… Vemos un anaco a televisión?

Úrsula apagou o cigarro e foron a sala contigua. Botaban unha antiga película de vaqueiros e ningunha das dúas se molestou en cambiar de canal. Úrsula acomodouse na esquina, no curruncho onde adoitaba sentar e puxo os pes na mesiña. Hadriana deitouse de lado apoiando a cabeza no seu regazo. A película rematou pronto e deron as noticias. En Madrid, o goberno andaba a voltas coas leis.

—Sabes? As veces creo que deberiamos facer algo, formalizar o que temos.

—Pensei que durmías. Estás tan quietiña… —Úrsula removeuse e baixou a cabeza para mirala— Espera, espera. A que te refires? Estasme a pedir que casemos ?

Hadriana ergueuse sen apartarlle a mirada.

—Supoño que é unha maneira de dicilo, pero si. É o que quero. Sempre que ti tamén queiras.

—E dismo así? Sen anel nin nada?

Hadriana sorriu e encolleuse de ombreiros.

—Non pensei que fose necesario un anel… Iso quere dicir que non?

Úrsula tamén sorriu. Achegouna máis a ela e pasoulle a man polo pelo suave da caluga.

—Era broma, parviña. A ver o que fan ese fato de moinantes— dixo sinalando coa queixada a imaxe do Senado no televisor —pero eu penso que para o verán que ven a de estar todo listo.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios .