Úrsula quería consolar a Hadriana. Non sabía como facelo, pero a súa simple presenza, a de alguén familiar nese mundo agora estraño para ela, parecía ser suficiente. Tamén se daba conta de que lle debía contar todo o acontecido dende que desaparecera. Decidiu tomalo con calma. Hadri preguntara varias veces polos seus pais e os seus irmáns pequenos sen que ninguén lle contestase. Úrsula pedira uns días libres no traballo e ese serán estaban a mercar roupa no centro comercial da cidade.
Hadriana mirábao todo abraiada. Non recordaba a cidade tan grande. E iso que so vira o centro comercial da entrada. Úrsula dixéralle que logo irían ver o mar. Tampouco recoñecía a vila. Ela recordaba todo como cando era unha nena. E, pouco a pouco, Úrsula lembraba tamén e vía que os detalles eran exactos.
Nun principio non quería mercar roupa de adulta e Úrsula tivo que convencela de que non debía vestir coma una nena. Aínda que medrara moi pouco, Hadriana seguía medindo o metro sesenta escaso que tiña cando desaparecera, as modas e as costumes cambian cando unha é adulta.
Úrsula recordou que Hadri lle contara, un tanto inqueda e avergoñada, poucos días antes da súa desaparición que xa tiña a regra. Ese podía ser o motivo de que apenas medrara uns centímetros máis dende os dez anos. Sen embargo, si engordara un pouco. Tiña os peitos máis cheos e un pouco de graxa na cintura, máis do que se a súa amiga lembraba.
—Que che parece isto?—dixo ensinándolle unha blusa de raias.
—Vas ter que probala, pero creo que has precisar unha talla máis — dixo mirándolle o peito. Levantou a vista a cara estrañada de Hadriana, un tanto cohibida e arrepentida de tela mirado así.—É bonita, creo que che sentará ben cos vaqueiros.
A sorpresa meirande chegou o ir pagar.
—Non fan falla cartos?—preguntou mirando con asombro como a súa amiga lle tendía unha tarxeta o rapaz da caixa.
—Os cartos xa non son o que eran — respondeu. Entón decatouse de que Hadriana había precisar máis axuda para abrir unha conta no banco e sobre todo para cando lle atopase un traballo.
Úrsula xa falara con Arximiro o da taberna a ver se lle conseguía algo do que fora, pero non era sinxelo. A economía resentirase moito coa crise tras a entrada do euro. E Hadriana era practicamente unha pantasma, non so non tiña experiencia laboral, senón que apenas sabía facer nada e ninguén podía dar referencias dela.
Tamén debía explicarlle os cambios na moeda e na sociedade. Incluso o demudar da lingua. O mundo cambiara moito dende a súa desaparición, aínda que Hadri se afixera ben e aprendía con incrible rapidez, como se pertencese realmente o novo milenio. Adoraba o teléfono, parecíalle estupendo poder levalo no peto, gustáballe a televisión por satélite e estaba encantada co desenrolo de internet. A Úrsula preocupábaa que fose demasiado inmatura, máis ela no daba sinais diso, senón de descoñecemento e falta de experiencia. Non daba sinais de recordar nada do acontecido nos últimos anos.
Tomaron un xeado e mentres paseaban polo porto, Hadriana buscaba a súa man como cando eran nenas. Úrsula non sabía como reaccionar. Tan so lle collía os dedos, a agarraba e a soltaba pronto. Rían e falaban. A complicidade era evidente entre elas, tanto que a xente coa que se cruzaban pensaba que eran unha parella máis das que paseaban pola cidade. O chamado matrimonio gai estaba por aprobarse en España, ou niso insistían os medios. A sociedade parecía abrirse a un ritmo aínda lento, pero constante.
—Creo que deberíamos ir botarlle un ollo a casa de meus avós.
Úrsula parou en seco, co cigarro a medio camiño dos beizos.
—Queres ir vivir alí?
—Non, non. Tan so quero abrila, aireala e ver como está todo.
Levantou a vista das súas zapatillas de lona gris novas e mirou a Úrsula.
—Estás molesta?
—Non, é so que entendería que quixeses marchar…
—Estou moi ben contigo, Ur— replicou sen apartar a ollada.—Ti non estás a gusto comigo? Queres que marche?
—Non, claro que non— Úrsula sorriu. Buscou os seus dedos con timidez, pero o mirala quixo estar máis preto e terminou por abrazala.

Anuncios

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.