A Úrsula non lle gustaba o seu traballo. Sabía que debía estar agradecida de ter un, as cousas non ían ben e había moito paro. Ademais traballaba no pobo mesmo, sen gastar en desprazarse. O soldo non estaba mal. A maioría das mulleres que coñecía traballaban cosendo, cortando fíos ou facendo palangre nas súas propias casas e apenas gañaban diñeiro.Entre os homes a cousa estaba mellor. Para os homes sempre había algo, pero non todos estaban conformes con traballar nas obras, conducir un camión ou maquinaria pesada. O seu irmán acabara por emigrar a Londres e ela xa facía tempo que non sabía que facía aló. Algo de informática nunha oficina, dixéralle a última vez que chamara por teléfono.
Sabía que era afortunada, pero aburríalle facer o mesmo percorrido todos os días, vendendo o pan polas aldeas dispersas e aturando as lerias das vellas. Ela soia córtalles pronto a conversa, montaba na vella furgoneta branca co logo de panadería O lobo e seguía co seu traballo. Comprendía que moita desa xente estaba soa e illada, sen apenas ter con quen falar en todo o día. Se lles facía caso, non remataría nunca. Aínda así, a maior parte dos días chegaba a casa para comer pasadas as tres e media.
Na casa non a agardaba ninguén. So un bocadillo, o sofá e unha cervexa fría. Ela tamén estaba soa e illada. Non casara, a pesar de ter máis de trinta anos. O seu pai morrera un ano atrás. A súa nai, sendo ela adolescente. Dende había un ano as paredes de pedra da súa casa antóllanselle vellas e con pouco calor, aínda que o lume na lareira estaba case sempre aceso e ela non deixaba de atizalo. Por iso fora vivir o lado da panadería, no centro da vida da aldea. Aínda nesa soleada tarde de maio, sentiu un arrepío o entrar na casa pola porta da cociña.
Non tiña ganas de comer, así que tan so preparou café. Tomouno mentres se entretiña mirando unhas follas de xornal que chegaran a casa envolvendo uns pratos. Niso tampouco era coma as outras mulleres, non lle gustaba a televisión nin a radio. E na aldea non había outra cousa para entreterse, máis que iso e latricar da vida dos demais.
Finalmente acompañou a segunda cunca de café cun boliño doce que collera na panadería. Parte do seu salario era en especie, pagábanlles con pan e produtos que eles mesmos elaboraban e vendían. Algún fin de semana cando seu pai aínda vivía, Úrsula tiña traído unha empanada. O vello encantáballe a de bacallau. Ela pouco a pouco ia perdendo o apetito e os folgos.
Case derrama o café cando escoito un berro na súa porta. O can do veciño ladraba dende había un anaco, pero aquel condenado animal era raro que estivese calado. As veces espertábaa de madrugada cos seus histéricos ladridos porque había un gato ou un raposo preto.
Viu asombrada que quen estaba o seu portal era Ricardo e outro garda civil o que non recoñeceu.
—Boas tardes, tiñamos que facerlle unhas preguntas. Podemos pasar? —dixo o axente descoñecido, máis novo, alto e delgado que o seu veciño.
—Claro, pasen. Está aberto.
O garda civil pareceu dubidar un intre.
—Ten can?
Entón Úrsula saíu do limiar da porta e foilles abrir o portal.
—Non teño can, pero o gato ten malas pulgas— Bromeou.
Trataba de manterse tranquila, non lle facía graza ter a autoridade a porta, coma a calquera. Mais non tiña feito nada ilegal e non estaba preocupada. Tan so inqueda.
—Podo ofrecerlles unha cunca de café, acabo de preparalo — dixo, invitando os dous homes a sentar nas cadeiras da mesa da cociña.
—Grazas, pero referimos ir o asunto canto antes — dixo Ricardo, que permanecera calado ata entón. —Ti eras amiga de Hadriana, Hadriana Lago.
Un arrepío cruzou o lombo de Úrsula, que non puido evitar un tremor nin que a culleriña que tiña na man lle caese.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios .